Wednesday 08 de May de 2024

Arranca a pavimentación con granito do entorno do Cruceiro de Outeiro en Artes


O Concello de Riveira informa do inicio dunha nova actuación consistente na pavimentación do entorno do Cruceiro de Outeiro en Artes

Trátase dunha iniciativa incluída no POS complementario que ten un investimento de 57.738 euros, IVE incluído, e o seu prazo de execución é un mes e medio.

A rúa beneficiada sitúase moi preto da igrexa parroquial de Artes e nela se atopa o cruceiro de Outeiro. O firme, moi deteriorado nalgúns puntos, está formado por aglomerado asfáltico.

Co proxecto técnico elaborado preténdese humanizar este entorno a través dunha pavimentación de pedra acorde con outras accións emprendidas nas proximidades. Con tal motivo, demolerase o pavimento actual e procederase á explanación e compactado para a posterior construción dun novo pavimento a base de 86 metros cadrado en lousas de granito abuxardado de 60x40x8 centímetros combinado con 375 metros cadrados de adoquín de granito de 20x10x8 centímetros.

Pluviais
Ademais, mellorarase a rede de pluviais existente e recreceranse as tapas de rexistro para alcanzar a cota do novo pavimento.